
Fundación Dorzán e Cáritas cos maiores que viven solos
A Fundación Dorzán achega 25.000 euros ao proxecto “Acompañote-2026”
“Acompaño-te 2026: Atención social os maiores de 60 anos”
A directora de Cáritas Diocesana de Ourense, María Tabarés e o presidente da Fundación Dorzán, Juan Ramón Álvarez Blanco, asinan un convenio para o desenvolvemento dun proxecto enfocado especialmente contra a soidade non desexada dos maiores: “Acompaño-te 2026”
Dar cobertura a necesidades básicas de vivenda, alimentación, subministración, gastos farmacéuticos e sanitarios non cubertos polo sistema público daquelas persoas maiores de 60 anos en situación ou risco de exclusión social que, polo reducido dos seus ingresos, presentan serias dificultades para facer fronte aos gastos da vida diaria, é un dos principais obxectivos do convenio asinado entre ambas as institucións.
A desigualdade social, acentuada pola situación económica actual, incide especialmente nun dos sectores máis vulnerables da sociedade como é o das persoas maiores, por iso, Cáritas Ourense e a Fundación Dorzán aúnan esforzos neste proxecto destinado a aliviar o risco de pobreza, a desprotección e a exclusión social dun sector tan vulnerable como é o da terceira idade.
Cáritas será a encargada de implementar este proxecto durante 2026, dirixido a mellorar a calidade de vida e ao mantemento da autonomía das persoas maiores de modo que poidan, na medida do posible, seguir envellecendo no seu propio fogar.
Tal e como se destacou no acto da firma do convenio, Cáritas executará durante o presente ano o programa “Acompaño-te 2026”, que contará cunha dotación de 25.000 euros achegada na súa totalidade pola Fundación Dorzán e que dará cobertura a máis de 100 maiores en situación vulnerable.
Colaboran